DAVID CATÁ. Brisa de vilanos






DAVID CATÁ. Brisa de vilanos

    

17/09/2020


METRO presenta brisa de vilanos, un percorrido polo traballo máis recente de David Catá (Viveiro,1988). Unha fermosa mostra que acolle unha coidada selección de fotografías e pinturas impregnadas desa poética tan singular que envolve o universo simbólico deste xenuíno e polifacético artista. 


Para David Catá, a obra de arte é un contedor de memoria e tempo, dous conceptos que constitúen os parámetros teóricos nos que se basea o seu traballo ao longo da súa carreira, un medio para atrapar todo aquilo que se desvanece co paso da propia vida e que, con todo, confórmanos como persoas. Esta exposición móstranos un anaco da vida interior dun artista total que bota man dos medios que mellor se adecúan a cada ocasión, ás veces combinándoos. A pintura, a fotografía, a escultura, a música ou a  performance móstranse como espellos que reflicten, en todo o seu  explendor, as súas inquietudes e os seus anhelos vitais.


Brisa de vilanos constitúe unha etapa no seu camiño, un instante, unha parada para reflexionar sobre o impacto do paso do tempo sobre a nosa memoria e a nosa existencia. E faio a través de pezas tan delicadas como potentes, tan poéticas como narrativas, que nos convidan a adentrarnos no seu mundo interior e a facernos partícipes das vivencias que o van conformando como persoa. Fainos partícipes dun xogo visual, propoñéndonos o vilano (dente de león) como metáfora da fugacidade e fraxilidade do paso do tempo, dun tempo que levanta o voo de entre as mans e que viaxa ao son do vento cara a horizontes afastados, implicándonos deste xeito na confrontación existencial do discorrer da vida cotiá e da incerteza dun futuro descoñecido. 


Para articular este discurso, Catá desenvolve unha delidada escenografía creada a partir de horizontes e paisaxes idílicos, dotados dun carácter romántico e sensual, que xogan co vaivén do movemento, onde os vilanos bailan no aire ao son da brisa, ao compás da música,  inaudible aquí, pero sempre presente na súa vida e no seu traballo, cara a lugares insospeitados.


A pesar da súa curta idade, David Catá posiciónase como un dos artistas galegos de referencia, cunha extensa traxectoria de mostras, accións, premios e presenza en recoñecidas coleccións públicas e privadas, que o proxectan con forza cara ao mercado nacional e internacional.




<< Listado de Exposiciones
                                                                                                                                                                                                                                                                                   
Subir